Actualidad

Yolanda Castaño en Hoy por Hoy A Coruña

Hoy por Hoy A Coruña

Con Marcos Sanluis

FUENTE: https://cadenaser.com/galicia/2025/09/15/yolanda-castano-a-poesia-tamen-fala-de-economia-traballo-e-supervivencia-radio-coruna/

Yolanda Castaño: “A poesía tamén fala de economía, traballo e supervivencia”

Yolanda Castaño afonda nas dificultades e estratexias para vivir da poesía hoxe en día

A poeta galega Yolanda Castaño vén de estrear en castelán o seu primeiro ensaio, Economía e poesía. Rimas internas, unha obra que xa fora publicada inicialmente en galego e que agora sae á luz da man da tradutora Ana Varela Miño para España e Latinoamérica. Trátase dunha reflexión profunda e incómoda sobre o vínculo entre a creación poética e a economía, sobre o valor simbólico e o valor material da poesía no mundo contemporáneo.

Trinta anos de experiencia poética

Castaño leva máis de tres décadas vinculada á poesía: recitais, festivais, charlas, obradoiros, traducións, xurados e un longo etcétera de actividades que lle permitiron vivir da poesía, malia os prexuízos que sempre a acompañaron. “Moitas veces, ao longo destes anos, escoitei iso de diso non vas vivir. Era un mantra que case querían que nós mesmas asumísemos”, explica.

Segundo a autora, a venda de libros representa apenas unha parte moi pequena dos ingresos dun poeta, xa que os dereitos de autor adoitan supoñer só o 10% do prezo de venda ao público. A verdadeira sostibilidade vén doutros espazos: recitais, festivais, mesas redondas, proxectos creativos híbridos con música ou audiovisual, ou mesmo a docencia.

A falsa autónoma: poesía e turbocapitalismo

Na conversa tamén houbo espazo para falar do seu último poemario, A falsa autónoma, que comparte paralelismos co ensaio. Nesta obra, Castaño aborda temas como a débeda, as dificultades económicas ou os imperativos dun turbocapitalismo que condiciona a vida das creadoras. A autora insiste en que tamén estes asuntos son poéticos, malia que tradicionalmente non se considerasen como tales:

“Non hai temas non poéticos; o poético é a ollada que botamos sobre eles.”

O reto do ensaio e a necesidade de residencias creativas

Para Yolanda Castaño, escribir ensaio foi un reto moi diferente á poesía. “Foi como picar pedra”, recoñece, tras vinte anos de concepción, sete de notas dispersas e dous de escrita consciente. Aínda así, destaca a importancia de as residencias artísticas como espazos fundamentais para concentrarse, recoller ideas e darlles forma a un proxecto creativo de longo percorrido.

Un horizonte para as novas xeracións

Castaño defende que, malia as dificultades, si é posible vivir da poesía, sempre que se diversifiquen os camiños e se combinen os circuítos locais, estatais e internacionais. O seu libro, traducido ao castelán, está a recibir grande interese fóra de Galicia, algo que considera unha oportunidade para abrir novos horizontes ás futuras xeracións de poetas.

Economía e poesía. Rimas internas está dispoñible en galego e agora tamén en castelán, editado por Páginas de Espuma. Un ensaio que abre o debate sobre o lugar da poesía no sistema económico e social actual, e que confirma a Yolanda Castaño como unha das voces máis lúcidas e necesarias da literatura contemporánea.

El libro

Contacto de prensa

Solicitud de ejemplares y entrevistas
Email info@paginasdeespuma.com

Teléfono +34 915 227 251

Otras noticias

Infobae anticipa un relato de Miembro fantasma

Infobae anticipa un relato de Miembro fantasma

Escaparate en Diario Sur

Escaparate en Diario Sur

Málaga Hoy reseña Escaparate

Málaga Hoy reseña Escaparate

Apuntarme al newsletter